Xornada de Bibliotecas Escolares de Galicia 2026

XBEGA26

O vindeiro sábado 17 de outubro celebrarase no Palacio de Congresos de Santiago de Compostela a Xornada de Bibliotecas Escolares de Galicia 2026. Daranse cita equipos de biblioteca, docentes, asesores/as dos centros de formación do profesorado e persoas expertas na temática do lema deste curso "Biblioteca escolar, da información ao coñecemento".


Unha xuntanza que falará do uso crítico da IA, de como traballar coa información a calquera idade, de como informarse para falar, crear coñecemento, escribir e crear; a alfabetización informacional, o traballo por proxectos e o traballo coa información en contextos diversos. Tamén terán lugar dúas mesas sobre como divulgar entre viñetas e os retos e posibilidades dos libros de non ficción.


Será, novamente, unha ocasión para o encontro entre o profesorado deste amplo colectivo de docentes que poñen en pé as bibliotecas escolares galegas, o reforzo de vínculos persoais e profesionais e, con toda seguridade, o comezo de novas colaboracións para o presente curso.