Resolución do VII Concurso de Podcasts - Radio na biblio

O Portal educativo publica a Resolución de 28 de abril de 2025, da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, relativa á convocatoria do VII Concurso de Podcasts - Radio na biblio en colaboración coa CRTVG (Radio Galega). A convocatoria estaba destinada a centros públicos non universitarios de titularidade da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional que traballan a radio como ferramenta pedagóxica, integrados ou non no programa Radio na biblio. Esta proposta está vinculada á celebración do Día das Letras Galegas, e prteende salientar a valoración da lingua materna, o coñecemento da poesía galega alén da escrita e o seu carácter colectivo, a relación entre a literatura e a música, o papel das mulleres como creadoras individualizadas, a importancia das recollas e a representación das cantigas galegas como tradición viva da poesía popular oral a través das novas manifestacións.
Os podcasts seleccionados serán difundidos na páxina web da Radio Galega e na plataforma dixital A Galega Audio https://agalegaaudio.gal. Así mesmo, recibirán difusión a través dos medios web da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional (Bibliotecas Escolares de Galicia e outros).