Todos os días son o día do libro nas bibliotecas escolares de Galicia

"Para nosoutras, silandeiras e navegantas, todos os días son o día do libro".

Así resume, Montse Pena Presas, o traballo das mediadoras do mundo do libro no texto Dar de ler, cedido xenerosamente para a celebración do Día do Libro nas bibliotecas escolares de Galicia neste 2023.

Ao longo de 16 cursos escolares, persoas referentes do mundo da literatura e o libro, crearon textos orixinais para crear unhas pequenas pezas de difusión editadas desde a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

Creacións que convidan ao descubrimento do territorio libre e de rebelión da lectura, que inspiran a confiar na forza das palabras, a deixarnos levar por cancións imaxinadas que nos levarán a mundos descoñecidos. Textos que lembran que os libros esperan por nós para facernos únicos e preservar a memoria do mundo.