Xornada de impulso da competencia lectora


O Edificio Fontán da Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela, acolle o 12 de marzo de 2026 a Xornada de impulso da competencia lectora, unha iniciativa dirixida ao profesorado participante no Programa de impulso da competencia lectora impulsado pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP.

A Xornada reúne profesorado de 67 centros educativos de Educación Infantil e Primaria das catro provincias galegas, moitas das cales son tamén persoas coordinadoras do Plan de Lectura, Escritura e Acceso á información nos seus centros. O encontro ten como finalidade reforzar a formación docente, compartir enfoques e ofrecer ferramentas prácticas para o desenvolvemento da competencia lectora e o traballo coa información nas aulas.

Durante a sesión da mañá celébranse tres relatorios a cargo de especialistas no ámbito da didáctica da lingua e da alfabetización informacional. A sesión da tarde dedícase a obradoiros prácticos simultáneos, organizados en itinerarios rotatorios para facilitar a participación de todos os grupos.