XVIII Xornada dos Clubs de Lectura
O vindeiro 29 de abril, celebrarase no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia, en Santiago de Compostela, a reunión anual do profesorado que coordina os clubs de lectura dos centros que participan no programa de Clubs de Lectura, da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional. Neste curso 2025/2026 recibiron asignación, a través da convocatoria do programa, un total de 552 centros que matriculan alumnado de Educación Primaria, ESO, BAC, FP, Ensinanzas de Persoas Adultas e Ensinanzas de réxime especial (Conservatorios e Escolas de idiomas). Esta XVIII Xornada dos Clubs de Lectura reunirá así a arredor de 600 persoas, entre participantes, relatores e persoas asesoras de formación do profesorado.
Entregarase, así mesmo, o Premio dos Clubs de Lectura 2026, que desta vez recaeu no escritor Manuel Rivas por ser o autor galego máis lido nos clubs de lectura no curso 2024/2025, tal e como se recolle na Resolución do 22 de abril de 2026, que explica as particularidades deste premio, que xa recibiron Agustín Fernández Paz, Ledicia Costas, Miguelanxo Prado, Carlos Negro, María Reimóndez, Andrea Maceiras, Eva Mejuto, Antía Yáñez, Manuel Núñez Singala, Arantza Portabales e Paula Carballeira.
Comezará a xornada cunha conversa virtual co autor premiado, continuaremos coa intervención do mediador e coordinador do Premio Mandarache Alberto Soler, disfrutaremos dunha conversa arredor doutros clubs de lectura en librarías e bibliotecas públicas e unha charla sobre clubs de lectura fácil. Pola tarde teremos sesións simultáneas coa experiencia de nove centros integrados no programa e a presentación da plataforma M8 por ler. O peche da xornada dará voz ás persoas que participan nos clubs de lectura.