Para as mulleres e nenas en TODA a súa diversidade...

Image
8M 2025

PENÉLOPE
DECLARA o oráculo:

“QUE á banda do solpor é mar de mortos,
incerta, última luz, non terás medo.

QUE ramos de loureiro erguen rapazas.
QUE cor malva se decide o acio.

QUE acades disas patrias a vindima.
QUE amaine o vento, beberás o viño.

QUE sereas sen voz a vela embaten.
QUE un sumario de xerfa polos cons.”

Así falou Penélope:

“Existe a maxia e pode ser de todos.
¿A que tanto novelo e tanta historia?”

EU TAMÉN NAVEGAR.
Torres, Xohana (1992). Tempo de ría. Espiral Maior

O Día Internacional da Muller 2025 reivindica os dereitos das mulleres baixo o lema: "Para as mulleres e nenas en TODA a súa diversidade:Dereitos, igualdade e empoderamento", reivindica ampliar a igualdade de dereitos, o poder e as oportunidades para todas, cun futuro feminista no que non se deixe a ninguén atrás. O empoderamento da próxima xeración é o núcleo desta idea, xa que a mocidade, en especial as mulleres novas e as nenas adolescentes, serán as protagonista de cambios duradeiros no futuro.

A Axenda 2030 marca como obxectivo número 5: Lograr a igualdade entre os xéneros e empoderar a todas as mulleres e nenas. As bibliotecas deben apoiar a igualdade de xéneros e ofrecer lugares, e actividades, de encontro e empoderamento.

Na publicación elaborada polo Grupo de Traballo "Bibliotecas e Axenda 2030" do Consello de Cooperación Bibliotecaria: "A implicación das bibliotecas españolas na Axenda 2030" apúntase que é tamén destacable o papel das bibliotecas, como institucións de fonte de coñecemento, á hora de acabar coa brecha de xénero, atender á diversidade de xénero, lograr a igualdade e empoderar ás mulleres e as nenas. Concienciar, difundir e apoiar iniciativas na liña sinalada pola propia ONU: «a igualdade entre os xéneros non é só un dereito humano fundamental, senón a base necesaria para conseguir un mundo pacífico, próspero e sostible». Se se promove a igualdade no acceso á educación, á atención médica, a un traballo decente, e unha representación nos procesos de adopción de decisións políticas e económicas, impulsaranse economías sostibles, igualitarias e máis humanas.

As bibliotecas escolares de Galicia traballan, todo o curso, en prol dunha igualdade efectiva na nosa sociedade, formando cidadanía crítica. Arredor desta data promoven actividades coa lectura, o cine, a radio, a publicidade, a creación, a busca e tratamento da información ...

Actividades nas bibliotecas escolares de Galicia: