XVIII Xornada de Clubs de Lectura 2026
Escritor e xornalista, é autor dunha obra que se estende ao longo de máis de corenta títulos traducidos a máis vinte linguas que acadaron o recoñecemento do público e da crítica, e que foron levadas ao cine en varias ocasións. Dono dunha voz moi recoñecible, entre o lirismo e a ironía, as súas creacións retratan a sociedade galega dende o compromiso cívico con cuestións como memoria histórica, a xustiza social e o ecoloxismo. É doutor honoris causa pola Universidade da Coruña e codirector da revista Luzes.
Nesta conversa coñecemos como funcionan clubs de lectura que se desenvolven en contextos diferentes (nunha libraría e nunha biblioteca), en iniciativas que exploran o poder da lectura para tecer redes entre persoas diversas.
Alba Blanco é artista visual, ilustradora e performer. En 2021 troca o mundo da creación polo da mediación lectora ao tomar o relevo na xerencia da Libraría Seijas despois de 40 anos da súa apertura. Libraría Seijas é unha libraría independente especializada en ilustración e literatura infantil e xuvenil en Pontevedra.
Eva Vieites coordinadora do proxecto Suma Ágora desde 2011 (unha iniciativa da Biblioteca Ágora cos barrios da súa contorna) na que se insiren proxectos con máis dunha década de desenvolvemento sostido: Libros Viventes, Roteiros polo Barrio ou a sección Conversas coa veciñanza, para sabermos máis da vida no barrio, da vivencia da biblioteca e do ámbito cultural e social da nosa contorna. No 2024 sumouse á coordinación do club de lectura QUEERuña.
Alberto Soler é técnico de Mocidade no Concello de Cartagena e coordina desde 2004 os Premios Mandarache (Premio Nacional ao Fomento da Lectura outorgado polo Ministerio de Cultura). O Premio Mandarache é un proxecto de fomento da lectura e a creación literaria que, desde 2004, impulsa o servizo de Mocidade do Concello de Cartagena.
Miriam Rodríguez é mestra en Pedagoxía Terapéutica e Educación Primaria, pedagoga e especialista en Accesibilidade Cognitiva. Foi coordinadora de biblioteca escolar en diferentes tipos de centros e coordinadora dun club de lectura accesible, facilitada e fácil, durante catro cursos consecutivos. Actualmente está nunha comisión como asesora en competencia lectora.
Os centros desta mesa achégannos experiencias de intercambio lector: uns encontros entre clubs de lectura de secundaria distantes xeograficamente, un club de lectura da mesma localidade integrado por alumnado de centros de primaria e de secundaria e un club de lectura de profesorado de distintos centros.
Esta mesa pon o foco de atención na importancia da selección de lecturas. Achegarase a experiencia dun club de lectura de poesía e doutro centrado en lecturas en galego de distintos xéneros literarios.
Nesta mesa fálase de como dinamizar os clubs de lectura con diferentes propostas. Un dos centros achéganos actividades creativas arredor das lecturas e o outro a técnica de círculos de lectura, con roles para cada persoa participante.
Ás veces a lectura sae dos espazos dos centros educativos para entrar en diálogo e desenvolver actividades con asociacións e outras institucións da contorna. Os centros desta mesa achegan a súa experiencia en clubs con implicación activa na comunidade na que se insiren.
Ana Cristina Juncal Blanco, Carlos Blanco García e Xaime Acuña Torres veñen do sector do libro. Con diferentes experiencias e traxectorias, comparten inquedanzas polo estado de saúde da nosa literatura e da nosa lingua. Baixo o paraugas da Fundación Xistral, que preside Ana Cristina, desenvolven o proxecto M8 por ler, co obxectivo de aumentar a visibilidade do libro en galego, pero tamén de crear comunidade arredor das letras que nos unen.
Nesta conversa entrablécese un diálogo entre persoas que actualmente participan en clubs de lectura de centros escolares das distintas provincias de Galicia e que teñen distintas idades e situacións persoais. Os intereses, as buscas, os sentimentos, o intercambio de experiencias en distintos momentos vitais sempre ao redor do feito lector.