O programa Hora de ler
Hora de ler dá nome ao programa da administración pública galega para o fomento da lectura no contexto educativo, e foi este o termo que escolleron os centros para ese "tempo para a lectura" contemplado na normativa curricular desde 2007. Hora de ler ten como obxectivo fundamental facer visible as bibliotecas no espazo educativo e poñer en valor o libro e a lectura entre os máis novos.
Na primeira fase da campaña remitíronse aos centros carteis motivadores e distribuíronse entre os nenos e nenas de educación infantil, primaria e 1º ciclo de secundaria, marcapáxinas e adhesivos "ex libris" con motivos extraídos do cartel. O profesorado, pola súa parte, recibía a axenda do mediador, especialmente pensada para motivar a súa función como modelo de lectura entre o alumnado.
Para o deseño e elaboración dos materiais creouse un grupo de traballo, denominado Acatrotintas, formado por catro docentes con experiencia nos distintos niveis educativos aos que van destinados (Mayte Leis, Cristina Novoa, Magdalena de Rojas e Juana Vázquez); todas as imaxes son da autoría do ilustrador galego Óscar Villán.
Pero xa antes, concretamente a partir dos primeiros encontros do Plan de mellora de bibliotecas escolares en 2006, comezara a difundirse a iniciativa exitosa nun centro de A Coruña, o CEIP Emilia Pardo Bazán, que viña empregando a fórmula da "lectura silenciosa sostida", procedente das escolas anglosaxonas. A inclusión do tempo para a lectura en primaria (30' diarios) e a elaboración dos Proxectos lectores de centro axudou a espallar esta iniciativa, que hoxe se leva a cabo en practicamente todos os centros de Galicia.
Desta forma, Galicia leva xa tempo poñendo en práctica unha das recomendacións do Grupo de expertos de alto nivel sobre alfabetización que a Unión Europea deu a coñecer en 2012: "Reservar un tempo suficiente para a aprendizaxe da lectura e para as actividades de libre lectura, permitindo que o alumnado elixa os seus materiais de lectura e estableza o seu propio ritmo de lectura".