Tempo de lectura

Image
Imaxe Tempo de lectura

Unha das principais actuacións que se recollerá na concreción do Plan de Lectura, Escritura e Acceso á información é o desenvolvemento do Tempo de lectura durante o horario lectivo. Configurarase como unha actividade sistematizada que abranguerá todas as áreas e materias do currículo de cada curso. A planificación e organización deste tempo nas distintas etapas educativas do centro debe responder a unha visión pedagóxica integral, que garanta a súa coherencia coa concreción curricular de cada nivel, ciclo e materia.

O obxectivo fundamental desta práctica é o fomento do hábito lector, o desenvolvemento da competencia lectora e o gozo persoal da lectura, así como a mellora da comprensión lectora, o fomento dunha lectura crítica, creativa e reflexiva, e o perfeccionamento da expresión oral e escrita

Para implementar un tempo efectivo de lectura diaria nos centros educativos estableceranse, entre outras, as seguintes medidas:

  • Dedicación dunha franxa diaria de tempo de lectura:
    • En educación infantil, recoméndase un tempo de lectura de 20 minutos diarios.
    • En educación primaria, o tempo lectivo para o fomento da lectura terá unha duración de 20-30 minutos. É recomendable que sexa á primeira hora da mañá ou despois do recreo.
    • En educación secundaria e bacharelato, recoméndase un tempo de lectura de 20-30 minutos diarios, involucrando as distintas materias e coa organización que determine o centro educativo.
  • Integración da lectura en todas as áreas, materias e ámbitos:
    • O tempo destinado á lectura poderase desenvolver de forma flexible, en distintos horarios e en diversas áreas ou materias, sen limitarse exclusivamente ás áreas, materias e ámbitos lingüísticos. Esta disposición favorece unha integración transversal da lectura como ferramenta pedagóxica fundamental para a aprendizaxe e o desenvolvemento de competencias en todas as etapas educativas.
    • Todo o profesorado participará activamente neste período de lectura co fin de actuar como modelo e como mediador de lectura.
    • É importante ofrecer textos e materiais de lectura variados para que o alumnado desenvolva distintas habilidades lectoras, así como achegar unha ampla gama de libros de diferentes xéneros, niveis e formatos que satisfagan os seus intereses, entendendo que estes non se limitan exclusivamente á lectura de literatura de ficción, senón que inclúen tamén a lectura de textos de non ficción e informativos.
  • Creación dun ambiente lector.
    • Esta proposta busca fomentar o gusto pola lectura. Por iso, é fundamental crear un clima motivador e tranquilo que convide o alumnado a gozar dos textos e a desenvolver o hábito lector.
    • O Tempo de lectura promove a equidade e a inclusión. Cómpre ter en conta que cada persoa le ao seu ritmo e debe poder facelo sen xuízos e nun ambiente seguro, polo que é necesario conseguir que a lectura se converta nun acto común que respecte a diversidade de intereses e de niveis lectores. Ademais, ten que ofrecer un espazo igualitario que contribúa a compensar as desigualdades de acceso á lectura existentes fóra do centro. Durante este tempo, tanto o profesorado coma o alumnado participarán na mesma actividade e desenvolverán, á vez, un rol lector idéntico.
  • Acompañamento lector: o profesorado deberá garantir o desenvolvemento do Tempo de lectura favorecendo o ambiente de silencio, actuando como mediador na escolla de lecturas e tamén, ao ler co alumnado, como modelo de persoa lectora, entre outras accións.
  • Participación da biblioteca escolar. A biblioteca escolar acompañará o desenvolvemento do Tempo de lectura con diferentes accións como:
    • O establecemento dunhas franxas horarias para que os distintos grupos clase do centro educativo poidan seleccionar as súas lecturas.
    • O préstamo de fondos para desenvolver esta actividade, facilitando unha selección variada de lecturas acompañadas de diferentes iniciativas como caixas ou bolsas temáticas, caixas de aula ou de nivel, etc.
    • A mediación lectora, actuando como apoio ao profesorado e mais ao alumnado para que se fagan escollas axeitadas e axustadas aos distintos intereses e necesidades.
  • Deseño de estratexias:
    • Lectura personalizada e diversificada. A persoa lectora escolle libremente o texto que desexa ler, ou ben achegado por si mesma, ou ben escollido entre a oferta da biblioteca. Os textos para a lectura poden ter distintos formatos (libro, revista…) e temáticas diversas. Neste proceso de escolla será importante o labor de mediación do profesorado dentro do Tempo de lectura.
    • Lectura silenciosa e individual. A práctica principal ten que ser unha lectura silenciosa e individual adaptada aos ritmos de cada persoa lectora.
    • Lectura compartida. En ocasións puntuais, porén, pódense propoñer prácticas de lectura en voz alta e lecturas compartidas para promover a interacción e o intercambio de ideas.