CDU
A biblioteca escolar precisa un sistema de clasificación dos seus fondos documentais que permita ordenalos de xeito eficaz e que favoreza a súa localización por parte das persoas usuarias. É clave que as bibliotecas escolares usen a Clasificación Decimal Universal (CDU), sistema que utilizan a maior parte das bibliotecas do mundo. Esta clasificación permite organizar os recursos segundo os distintos saberes humanos e axuda as persoas usuarias a buscar recursos durante toda a súa vida independentemente do tipo de biblioteca e do espazo xeográfico no que se movan en cada momento. Dende a Asesoría de Bibliotecas Escolares fíxose unha adaptación da CDU para as bibliotecas escolares que garante os beneficios do seu uso sen que sexan preciso ter coñecementos especializados de biblioteconomía.
A CDU configúrase cunha serie de números e signos de puntuación que, na secuencia determinada, achegan unha información completa sobre o contido, forma, lingua, ámbito xeográfico... do libro catalogado. Nas bibliotecas escolares, xestionadas por docentes que non teñen por que ter coñecementos especializados de catalogación e biblioteconomía, usamos unha adaptación da CDU que permite beneficiarse do seu uso sen dificultar a súa xestión.
Que facer cando temos dúbidas?
Cando catalogamos os recursos ás veces xorden dúbidas sobre que CDU asignarlle. Ademais de consultar a CDU adaptada, tanto na táboa simplificada como na versión abreviada, que é a máis utilizada, convén ter á man a versión estendida para buscar termos e temáticas máis concretas aínda que despois só asignemos os dous díxitos da versión abreviada. Na rede existen listaxes da CDU máis amplas e a CDU está publicada na súa versión abreviada profesional, que permite facer buscas de temáticas moi concretas. Outra opción é ver como está ese recurso catalogado nunha biblioteca de referencia, e aí recomendamos consultar a o catálogo da Biblioteca Nacional de España e/ou o da Biblioteca de Galicia na Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia. A CDU dos recursos ímola atopar no detalle do rexistro bibliográfico (visualizándoo en formato MARC).
Con respecto ás dúbidas na xestión bibliotecaria, de CDU e outros aspectos técnicos, ademais de recorrermos ás persoas asesoras de bibliotecas escolares podemos botar man do recurso Pregunte. Las bibliotecas responden, un servizo de información en liña atendido por bibliotecas públicas. Nel podemos facer novas preguntas e tamén acceder a un buscador para ver se a dúbida que nós temos xa foi resolta anteriormente.